Apelidos, México, Jarama, Sanjenjo, Curujeiras, Feijoo,...

Submitted by admin on Sun, 03/22/2026 - 11:02

Parabéns á nova reitora da USC. Escoiteina nunha conferencia que deu no Círculo de Artesáns da Coruña sobre os Apelidos galegos. Resulta que o Consello de Cultura Galega encargoulle un traballo sobre a orixe dos apelidos galegos. E ela, Catedrática en Estatística como é, resolveuno certificando que a orixe da meirande parte dos apelidos galegos é,  moi recente, un invento ou imposición da Igrexa Castelán-que non galega- impoñendo que no bautizo os apelidos que se poñían tiñan relación co nome do pai. De Enrico, Enriquez, de Fernando, Fernández. Moi feminista. Por que pode deducirse? porque as estruturas dos apelidos son distintos en cada bispado galego. Os nomes que se impoñían eran distintos segundo bispados e así resultaban que os apelidos resultantes por esa regra eran estruturados polos nomes que se impoñían en cada bispado, pola moda do bispado. De todas maneiras convídoa a que escriba en Celtia.org, nestas páxinas, para explicar, mellor ca min, o seu interesante traballo.

A miña tese é que as orixes dos apelidos galegos tradicionais estaban ligados ao lugar de nacemento, e, en segunda opción, ao gremio ou traballo ao que se dedicaba. Así, en moitas das entradas de celtia.org relativas a topónimos escribo que "tamén apelido". Así a igrexa desbancou, en parte, ás mais e aos apelidos de lugares e gremios.

Temos, xa que logo, unha perspectiva cambiante, histórica, de desprazamento, dos apelidos galegos. Refrendada por outros cambios como a realidade de que en galego-portugués dicíase Gonsalves e Gomes e non Gonsalvez e Gómez. Así a historia non é linear. Se imos ao galego-portugués e eu teño un libro precioso de Historia das Espanhas dun monxe do norte de Portugal que se entende completamente e é un exemplo vivo de como a lingua galega existiu, durante séculos, con forza, literatura, poesía e historia e grafía totalmente distinta á actual. Habería que preguntarse por que non se reeditan eses libros en lingua galega medieval.

Co exemplo de México e Méjico vemos como todos os mexicanos escriben México (grafía española de hai séculos) pero pronuncian Méjico. Escríbese Jarama, cando posiblemente diciase Sarama, escribiase Sanjenjo (non , como algúns cren porque sexa unha imposición castelán ou de Castela, porque durante séculos escribimos así en Galicia). Cal é o problema? Que escribiamos Sanjenjo e líamos Sanxenxo. A imposición castelanista é sobre como se le a palabra, non sobre como se escribe, que é a forma tradicional galego-portuguesa.

Así, predicar que hai que borrar a historia linguística galega e escribir Curuxeiras por Curujeiras (como se leva escribindo en Galicia desde o século X) e escribir Feixoo por Feijoo (idem do anterior) é moi cuestionable.  En realidade, proposta por organismos e persoas que, como levo dicindo, están contra a historia de Galicia, que negan a historia de Galicia, non digamos xa da celta, senón da do século XII. Para eles, Galicia naceu con eles, son os pais de Galicia e o que digan eles é a única verdade posible e absoluta, que todos temos que obedecer. Así nos vai.