A primeira vez que escribín sobre a lei de Gutenberg-Richter foi en Gamma. Aí podedes ver que significa e cal é a súa gráfica. Pero foi noutro artigo onde describín como unha empresa de fracking que estaba a producir terremotos na zona de Tarragona-Alicante falseaba a lei de Gutenberg-Richter deste xeito: é certo que a frecuencia dos terremotos da zona multiplicouse pero só se rexistraron terremotos de baixa enerxía, os terremotos de alta enerxía seguen a ser os mesmos (ningún ou moi poucos). Así que non hai problema. A gráfica que segue mostra a súa interpretación da lei de Gutenberg-Richter:
Mais esa gráfica non representa a citada lei. Se creas as condicións para que a frecuencia da actividade de enerxías baixas aumente, a lei predí que estarás aumentando a frecuencia das de alta enerxía na mesma proporción e a representación gráfica seguirá sendo unha recta. É dicir, se os terremotos de magnitude 1, na escala de Richter, se dobraron, tamén se dobrou a frecuencia dos terremotos de magnitude 6 na escala de Richter. E por que non se notaban? Por que a frecuencia dos terremotos de magnitude 6 na escala de Richter é moi baixa. Así, se a súa frecuencia é de 1 cada 200 anos, o feito de que se dobre a súa frecuencia e sexa de 1 cada 100 anos só se notará nos 100 anos vindeiros (en media). Esta gráfica si representa a lei de Gutenberg-Richter:
Tras contalo nunha web sen apenas visitas tiveron que pechar o tingladillo que tiñan montado, pero iso si, polos contratos que firmaron previamente (a empresa sí sabía cal era a verdadeira lei e que podía pasar e debeu poñer unhas condicións apropiadas no contrato) e, a pesar de non realizar o traballo pactado, esixiron os 3500 millóns que figuraban no contrato. O goberno correspondente pagou o importe na súa totalidade, ou en parte. Así que as fake news da empresa e a súa negación da ciencia servíronlle para dar o gran pelotazo pola ignorancia da Ciencia en España.
Outro pelotazo debeuno dar o que fixo unha tese de estatística baseandose na miña web... pero sen citarme.
Agora imos aos incendios. Podemos considerar, como fan algúns, que os invernos seguen a ser fríos, que non hai cambio climático..., ou podemos aplicar a mesma lei e, en lugar de facer fracking, imos aumentar o CO2 na atmosfera o suficiente e lembrar que, a mediados do século XIX, unha muller descubriu que, ao expoñer ao Sol un cilindro con CO2, aumentaba a súa temperatura moito máis que se contiña calquera outra substancia. Claro que, se o dixese Trump, seguro que se lle daba credibilidade, pero se o di unha muller e por enriba defensora dos dereitos da muller, como foi Eunice Newton Foote... Por iso, simular o efecto invernadoiro nunha botella é un experimento que calquera alumno de primaria pode e debería facer.
Entón sabemos que a elevación por 12 días da temperatura polo cambio climático vai facer que a frecuencia dos grandes incendios vaise multiplicar, ademais se hai vento, se non temos cortalumes, se non limpiamos as leiras e montes, ...
O que din algúns é que non hai solución, ou, ao menos, solucións fáciles. En ningunha discusión sobre este tema oín falar, nunca, das "power laws" coma a de Gutenberg-Richter, claro, pero están aí e forman parte da solución.
Pois ben, recorramos á Ciencia, a Ciencia da Percolación. Eu teño escrito sobre esa ciencia, pero xa Bernouilli falou dela, e é un campo das power laws, dos puntos críticos. Pero, de novo, non coñezo a ninguén que a mencionase na prensa, na radio ou televisión, e menos os políticos. Na pandemia había expertos en pandemias que falaban, pero aquí non hai expertos de nada. So hai incendiarios que fan o papel dos xesuítas envelenadores do século XVIII. Alguén a quen botar as culpas.
Se ti tes un mar de gasolina de miles de hectáreas conectadas, de quen é a culpa dos incendios? do fumador? ou de quen deixou verter a gasolina? de quen non puxo servizos nas aldeas para evitar que se despoboasen? que terá que ver con que en Ourense non houbese pediatras?
Así que imos a castigar aos paisanos pois a culpa non é dos xefes, nunca é dos xefes...
A percolación permítenos dispoñer dun modelo científico para representar un sistema complexo. Podemos realizar unha simulación na pantalla con miles de puntos representando árbores, normalmente diseminados ao chou a partir dunha probabilidade, e queremos saber para que probabilidade podemos conseguir que as lapas cheguen desde a esquerda á dereita da simulación . Fai a simulación mesmo nun Spectrum, que nun PC ou Mac, e terás igual resultado: toda distribución ao chou de árbores cunha determinada probabilidade ten un número crítico de densidade a partir do cal o lume pasa da esquerda á dereita, queima toda ou case toda a zona experimental. Repite a experiencia e cando chegas ao punto crítico (incluso con moitos decimais) as lapas pasan "o bosque" e quéimano. Na páxina da percolación poderás ver centos de valores de puntos críticos segundo o tipo de rede 2d que escollas. Hai moitos anos eu só fixera a rede hexagonal, cadrada e triangular.
En moitas zonas de Galicia xa non é que haxa eucaliptais, é que hai fincas de eucaliptos cunha distancia dun metro entre eles. Un aumento da densidade de masa forestal, polo que acabamos de ver na percolación, aumenta o risco.
Cales son as opcións?
Prohibe montes dunha gran densidade de vexetación.
Pon ovellas ou cabras a limpar os montes nunha lista de fincas en cada concello dispostas a ser limpadas por animais e gandeiros que queiran aproveitalas. Unha lista de fincas nas que deixan rozar e coller mulime e unha lista de veciños que queiran aproveitalos. Unha asociación de veciños que faga ese papel cando os concellos non respondan.
Obriga a Ence ou aos madereiros que, cando corten a madeira nun monte, o deixen limpo de biomasa improdutiva. Aumenta a educación nas aldeas de usos creativos da biomasa excedente. Favorece a empresas que usen esas biomasas.
Xa teño explicado que leira significa en celta zona produtiva, zona clarexada, zona útil, sen biomasas. Temos que converter Galicia senón toda nunha leira, si nun monte aleirado, clarexado.
O fundamental: ten que haber zonas produtivas de monte alternadas con zonas tampón, zonas que impidan o paso dos lumes.
E que dicir dos lumes? Desde a prehistoria o home utilizou os lumes. Facemos as fogueiras de San Xoán ou de Beltaine antes dos veráns imitando os lumes preventivos que fixemos durante miles de anos, antes de que se converteran en lumes incontrolados. Facer unha brigada Beltaine de lumes preventivos na primavera ou antes.
Poñer eses estupendos ordenadores Finisterre que temos a traballar sobre un mapa de toponimia de Galicia, cos datos de densidade de biomasa obtidos con drons e técnicas coma lidar, facéndoo coas alturas correspondentes, a súa xeometría e os ventos correspondentes habituais e facer simulacións de percolacións, de paso dos lumes en cada un dos territorios de Galicia, calculando cando e como se van propagar se non poñemos as prevencións que cómpren. E predicir, sen dúbidas, do mesmo modo que no ordenador se comunica a predición do tempo que vai facer na semana en toda Galicia. Traballar na prevención, antes de que o lume se produza, vai ser unha notable diferenza. Utilizar a ciencia para solucionar e non enganar, tamén.
Que dicir de dar subvencións para limpar os montes, para vivir na aldea, para poder ter unha vida e aínda traballo telemático, por cada fillo (no caso de Alemaña e Francia o teñen desde hai moitos anos, aínda que por unha razón espúrea, desde 1870, ter máis fillos era ter máis carne de cañón para as sucesivas guerras que fixeron entre sí, todo por Alsacia-Lorena). Cada concello debería preocuparse de facer casas para eles, elas e os seus fillos e fillas.
Aumentar os servicios nas aldeas ou por zonas de influencia. Promover aos bancos que estean realmente implantados e dean servizos nos concellos. Promover aos supermercados que residan nos concellos e aldeas e, senón, crear uns populares e de proximidade, utilizando os recursos da zona, dos mesmos produtores da zona, saltándose os intermediarios. Os médicos necesarios. Máis prazas MIR e máis médicos para Galicia.
Ciencia na aldea, por que non? Axudar a resolver os problemas de vivir na aldea, ter asesores científicos para a gandeiría, forestais. Poñer a xente por riba das macroempresas...
Como vedes solucións, habelas, hainas, o problema é que non producen pelotazos.
- Log in to post comments