Centenares de militares romanos metidos na corte dos porcos e das vacas

Submitted by admin on Wed, 06/20/2018 - 11:10

Non sei se serei demasiado ácido con este tema, pero este é o tema crucial da toponimia galega:

Que di de cohorte a wikipedia galega:

Na Roma antiga, unha cohorte era unha subdivisión da infantaría. En orixe, era unha subunidade da lexión romana, formada por 600 homes (seis centurias de 100 homes, comandada cada unha por un centurión). Nas forzas auxiliares do Imperio Romano, había cohortes individuais de 500 homes (quingenaria) e de 1000 (miliaria), así como unidades mixtas de infantaría e cabalaría (cohors equitata) que existían en paralelo.

Cada cohorte dispuña de tres manípulos de douscentos homes (dúas centurias), divididos en triarii, príncipes e hastati: un total de trinta manípulos e trinta centurións cos seus lugartenentes.

Que teñen que ver con cohorte a corte? Pois que a maioría dos libros de toponimia galega falan de que corte (a corte das casas galegas) vén de cohorte. É dicir imaxinades a lóxica da imaxe de 800 soldados de infantería romanos metidos  nunha corte dun castro, ou nunha corte dunha casa actual? Hai veces que se chega a un absurdo total na interpretación. O feito de que sexa posible derivar foneticamente corte de cohorte non quere dicir que iso fose certo na realidade ou tivese algún sentido real. Só chega con imaxinar unha cohorte romana nunha corte galega para ver o absurdo da deducción.

Unha tía miña chamaba aos seus cans con nomes como Stalin ou Trotski e non era precisamente porque fose devota de tales "heroes". En realidade era unha monxa seglar sexa o que sexa que signifique tal cousa. Chámabanlle "corte" porque alí era onde querían meter aos seus inimigos? É a única explicación lóxica -pero non sostible- que lle vexo a tal emparellamento de significados.

Prégovos agora que fagades o seguinte experimento mental: sabedes que é unha corte dunha casa galega. Sabedes que o primeiro significado é lugar onde se garda o gando. E o segundo? para que e porque se metía o gando dentro da casa? Porque facían da casa un lugar quente, de feito as habitacións da casa poñíanse por riba das cortes para ter calor.

Agora recorre ao que vimos ata este momento que é te, en celta? quente e cor?  Lugar. Así que corte é lugar quente. Algúns dirían que pedra quente, seguindo ao famoso francés...

Se preguntades a calquera galego sobre que é a corte dunha casa, despois de desbotar o primeiro significado obvio, dirache o mesmo: o lugar quente da casa, do que aproveitamos a calor. O significado celta é o significado corrente e corte é unha palabra celta!

Claro que existen as cortes casteláns, leonesas ou españolas e esas si teñen mellor acomodo co significado de cohorte, serían algo así como os que rodean ou aconsellan ao rei. Senón son cortes porque con retranca celta estamos dicindo que son os que rodean ao rei para estar quentes. Na miña opinión as Cortes españolas e demais tamén teñen esa orixe de estar quentes. "Ándeme yo caliente y ríase la gente", dicía Góngora.